Xosé Landeira Yrago

Xosé Landeira Yrago (Santiago de Compostela 1922 – Vigo 1995), xornalista e escritor. Foi redactor xefe do diario La Noche e formou parte da primeira xunta directiva do Padroado Rosalía de Castro. En 1950 trasladouse a Rio de Janeiro onde foi chanceler da embaixada de España e correspondente en La Vanguardia e Madrid.

En 1964 regresou a Galicia e foi redactor xefe, subdirector e director de Faro de Vigo. Colaborador da revista Grial, asumiu a codirección xunto a Francisco Fernández del Riego e Ramón Piñeiro. Posteriormente e ata a súa xubilación foi xefe de prensa do Tribunal Constitucional.

Estudou a obra de Federico García Lorca en Galicia, Luis de Camões, Eça de Queiroz e a literatura galega da xeración Galaxia. Publicou Elucidário de Camões (1963), Diccionario de nombre propios del Quijote (1965), Antoloxía de poesía galega. Dos devanceiros ao dezaoito (1975), Federico García Lorca, de A a Z (1976), Federico García Lorca y Galicia (1986) e Viaje al sueño del agua. El misterio de los poemas gallegos de García Lorca (1986). Con Auga Editora publicou Sobre las fugas de Álvaro Cunqueiro. Otra vida de Álvaro entre el periodismo y la literatura.