Mª Fe Quesada

Mª Fe Quesada.

Mª Fe Quesada (Zamora, 1957). Ilustradora infantil e xuvenil, caracterizada por un estilo moi persoal e polo inxenuo candor das súas tenras, travesas e entrañables creacións. De formación autodidacta, a súa pertenza a unha saga familiar de afamados artistas plásticos contribuíu a desenvolver as súas facultades artísticas. Membro fundador da directiva da Asociación Galega de Ilustradores (AGPI) e pioneira da ilustración de libros dirixidos aos nenos en lingua galega, publicou máis dun centenar de libros.

Socia de Honra 2016 de GALIX, foi distinguida con diversos premios e mencións. É integrante da Lista de Honra do III Premio Nacional C.C.E.I. de Ilustración, foi seleccionada entre os distintos ilustradores nacionais en varias ocasións para expoñer os seus traballos na Bienal Internacional de Ilustración de Bratislava, no Premio Internacional Catalonia e na Bienal de Ilustración de Boloña. Unha das súas obras ilustradas formou parte en 2006 da prestixiosa Lista dos White Ravens, que recoñece os mellores libros publicados no mundo.