M.ª Xosé Porteiro

M.ª Xosé Porteiro (Madrid, 1952). Xornalista. Licenciada en Publicidade e Relacións Públicas, traballou en prensa, radio e comunicación corporativa. Dirixiu a empresa Información e Comunicación Local, S.A, o Museo del Ferrocarril de Madrid, a comunicación da Fundación de los Ferrocarriles Españoles e o gabinete de comunicación do Concello de Vigo. Foi concelleira en Vigo, deputada no Parlamento de Galicia e no Congreso español e a primeira delegada no exterior do Goberno galego, con ámbito para Arxentina e Uruguai.  M.ª Xosé Porteiro formou parte das asembleas parlamentarias do Consello de Europa e da Unión Europea Occidental, da delegación galega no IV Cumio da Conferencia Mundial da Muller de Pequín, do Consello de Europa en Bosnia e presidiu as delegacións de observación electoral en Líbano e Venezuela.

Membro do Consello de Administración do Xornal Diario e do Consello Reitor do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI). Colaboradora habitual de prensa e radio, en 2001 creou o curso Claves para mellorar a comunicación oral. Publicou Cobardes (2001) e participou en libros colectivos como Quen é quen no primeiro Parlamento Galego (1981), Celso Emilio Ferreiro, compañeiro do vento e das estrelas (1981), Estratexias turísticas urbanas (2002), Literatura de mulleres. Once ensaios arredor de Virginia Woolf (2003), Mulleres decisivas (2005) o Vine,vi y….hablé. Las mujeres frente as discurso político (2012). A súa traxectoria profesional está marcada polo compromiso a favor da igualdade e dos dereitos das mulleres. Recibiu a Encomenda ao Mérito Civil (2009).