Celso Emilio Ferreiro

Celso Emilio Ferreiro, escritor. Na súa obra consagrou a recuperación do realismo social na poesía galega. Da súa produción destaca Longa noite de pedra.

Celso Emilio Ferreiro, ( Celanova, 1912 – Vigo, 1979). Escritor. Estudou cos escolapios no mosteiro de San Salvador de Celanova, vila que constituirá un elemento axial na súa obra e marcará a súa memoria da infancia. Criado nun ambiente progresista e galeguista, na súa xuventude fundou co seu amigo Xosé Velo as Mocedades Galeguistas do distrito de Celanova. Ao estoupar a guerra civil é chamado a filas e enviado á fronte de Asturias. En 1938 é destinado a Transmisións no edificio da Telefónica en Oviedo, vila onde coñeceu a súa compañeira Moraima. Rematada a guerra retorna a Celanova onde obtén o título de bacharel e exerceu a docencia, iniciando por libre estudos de Dereito e Maxisterio. Posteriormente opositou ao posto de secretario e logo de xefe de Xustiza na Fiscalía de Taxas de Pontevedra, onde traballou ata 1950. Nesta época escribirá poemas, contos e artigos, integrarase intensamente na vida cultural da cidade e frecuentará os faladoiros do Carabela e do Imperial. En 1949 obtén o título de procurador dos tribunais e en 1950 marchou a Vigo a exercer como tal. Na cidade olívica compaxinou o seu traballo de procurador co de accionista nunha oficina de seguros sociais e co de director dun obradoiro de fotogravado.

Na súa obra consagrou a recuperación do realismo social na poesía galega. Da súa produción destacan as obras Al aire de tu vuelo (1941), Longa noite de pedra (1962), Viaxe ao país dos ananos (1968), Cantigas de escarnio e maldecir (1968), A fronteira infinda (1972) e Antipoemas (1972).