Carlos G. Reigosa

Carlos G. Reigosa, (A Pastoriza, Lugo 1948) escritor e xornalista. Licenciado en Ciencias da Información e en Ciencias Políticas.

Desenvolveu o seu traballo profesional na Axencia EFE, onde foi xefe de Cultura e Ciencia (1977-79), delegado en Galicia (1979-83), xefe de redacción de Nacional (1983-1987), director adxunto de Información (1987-1990), director de Información (1990-97) e director de Publicacións, Análises e Estilo (1998-2004). A Axencia EFE acadou o Premio Príncipe de Asturias de Comunicación e Humanidades cando Reigosa era o seu director de Información.

Carlos G. Reigosa foi membro do Consello Asesor da Fundación del Español Urgente ata finais de 2012, foi autor de numerosos artigos de análise política e de crítica literaria e teatral, publicados en revistas e xornais españois e americanos. Dirixiu cursos en universidades españolas e en Estados Unidos e guionizou o filme Huidos, protagonizada por Sancho Gracia e Javier Bardem.

Como narrador obtivo os premios Xerais, Benito Soto, Internacional Rodolfo Walsh e Torrente Ballester; e como xornalista o accésit Puro Cora, Premio Fernández Latorre e Premio Fernández de Riego. Dos seus libros destacan Oxford, amén (1982),  Crime en Compostela (1984), Irmán Rei Artur (1986), Narcos (2002), O regreso dos maquis (2004), Segredos de Bretaña (2016) e a La Galicia mágica de García Márquez (Auga Editora).