Alberto Ramos

Santiago de Compostela, 1986. Xornalista e escritor.

Traballou na sección de Cultura en Xornal de Galicia até 2011. Tras o peche da cabeceira, comezou a colaborar en medios como Praza, Sermos Galiza ou Luzes. Actualmente, traballa na Asociación de Actores e Actrices de Galicia. Gañou o galardón Biblios-Pazos de 2006 coa súa primeira novela Dor pantasma, que narra a desaparición dunha rapaza de Cangas do Morrazo. A esta, seguíronlle Con acuse de recibo, unha historia de intriga sen detectives, vencedora do Premio Novela por entregas de La Voz de Galicia de 2009; Todos os días, un libro sobre a ruptura das rutinas dun xornalista no desemprego, co recoñecemento do Premio Vicente Risco de 2012; Máscaras rotas para Sebastian Nell, un percorrido vital dun hipotético actor inglés de cine e teatro ao carón dos principais acontecementos da historia social e cultural do século XX, que conseguiu o Premio García Barros de 2014; e A simetría das bestas, obra gañadora do Premio Vicente Risco de 2017 que trata de forma testemuñal a traxectoria dunha escritora que recibe un diagnóstico demoledor.

Autoría da fotografía
Sabela Iglesias