Presentación de Ben-Cho-Shey inedito

Presentamos Ben-Cho-Shey inédito en Ourense

26-09-2019 / Presentación

Presentamos Ben-Cho-Shey inédito en Ourense

O pasado mércores 25, o Pazo Provincial de Ourense acolleu a presentación de Ben-Cho-Shey inédito de Paco López-Barxas. O autor estivo acompañado por Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense e Xosé A. Perozo, editor de Auga Editora.

Paco López-Barxas afirmou que “O libro é unha crónica dunha amizade persoal con Ben-Cho-Shey, na que pretendo achegarme ao home, escritor e aos seus amigos”. Non en van, o escritor foi veciño durante 17 anos de Fernández-Oxea en Madrid. “Ao longo dese tempo aprendín da humildade e da xenerosidade que el tiña”, e considera que o libro é unha débeda que tiña con el: “Eu debía contar, para amosar a súa figura esquecida, non recoñecida na súa amplitude”. En relación á obra, Baltar afirmou que “López-Barxas fai con este libro unha gran homenaxe ao autor e a Ourense” e Perozo explicou as dificultades comerciais que se toparon para publicar: “A pesar de todo, tomamos a decisión de facelo, por amor á cultura, á literatura e a un personaxe que hai que homenaxear, porque está inxustamente esquecido”. Para finalizar o acto, Xosé A. Perozo fixo entrega ao presidente da Deputación de Ourense dun retrato de Ben-Cho-Shey realizado pola artista Isabel Pintado e que se inclúe na portada do libro.

Presentación de Ben-Cho-Shey inédito en Ourense